Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás Oleiros, orgullosamente diverso!

Imagen Oleiros, orgullosamente diverso!

Un ano máis, desde o Concello de Oleiros sumámonos á conmemoración do 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGTBIQA+, para festexar a diversidade, recoñecer a historia do colectivo e, por suposto, continuar coa loita en prol da igualdade.

Herdeiras das revoltas de Stonewall e de todas as persoa que, ao longo das décadas, alzaron a voz para reivindicar o dereito a ser, a vivir, a amar e a relacionarse con liberdade, grazas a elas, no día de hoxe podemos camiñar con máis orgullo e menos medo. Pero tamén somos conscientes das problemáticas actuais: os discursos de odio gañan espazo, a diversidade vólvese obxecto de censura, e o dereitos, no canto de consolidarse, vense ameazados por retrocesos políticos e mesmo sociais.

Fronte a todo isto, desde os pobos e municipios pequenos – moitas veces silenciados, esquecidos ou invisibilizados nas loitas pola diversidade– tamén temos algo que dicir: aquí tamén hai persoas LGTBIQA+, e merecen vivir sen medo, con orgullo e liberdade. 

Por isto mesmo, desde o Concello de Oleiros reivindicamos con forza a importancia dos espazos públicos, e de noso, na construción dunha sociedade máis xusta e diversa. A comunidade debe converterse nunha ferramenta poderosa de apoio mutuo, resistencia e coidados comunitarios.

Non, a diversidade non é nin un perigo nin unha ideoloxía. É unha realidade cotiá. É cultura, riqueza e benestar social, e reafirmamos o noso compromiso co desenvolvemento de espazos seguros, recursos accesibles e contornas que acollan no canto de sinalar. Porque a resistencia constrúese desde abaixo, desde o local, desde o común. Desde cada centro de ensino, espazo municipal, festa popular, rúa e praza. En todos eles, a diversidade vai camiñar con orgullo.

Por todo isto, desde o Concello de Oleiros alzamos a voz contra o odio e a discriminación, defendemos o xúbilo e a alegría colectiva como ferramenta política e de transformación social, e apostamos por facer de cada recuncho deste noso pobo un espazo seguro e orgullosamente diverso.

Porque Oleiros é loita,

É orgullo,

É diversidade.