Contraproducións
Sábado, 11 de abril de 2026 ás 20:30 horas
Lugar: Auditorio Gabriel García Márquez, de Mera
Balbino é un neno de aldea, fillo de labregos pobres, que medra nun mundo de silencios, traballo e obediencia. Neste espectáculo, seguimos a súa voz sincera e sensible mentres narra a vida cotiá nunha aldea galega dos anos corenta: a escola, a familia, os soños frustrados, as inxustizas sociais e o desexo constante de fuxir dun destino xa escrito.
A historia desenvólvese a través dunha serie de lembranzas que van desde a tenrura da infancia ata a crúa conciencia das desigualdades. O espectáculo dálles vida aos episodios máis representativos da novela de Neira Vilas: o maltrato escolar, a perda do amigo ou dun animal querido, a frustración do primeiro amor, a dureza do traballo, a emigración, a represión da expresión e a tristura de sentirse diferente nun mundo que non admite preguntas; pero tamén os costumes e celebracións festivas da aldea, e as esperanzas e alegrías que, a pesar de todo, ofrece a vida.
Nesta nova versión teatral do clásico de Neira Vilas, a memoria persoal do neno labrego preséntase como unha memoria colectiva, a desa Galicia rural que se foi diluíndo ou transformando, nun espectáculo que pon en primeiro termo a emoción, pero tamén o humor e a relación directa e amena co público.
- Autoría: Xosé Neira Vilas
- Dirección: Cándido Pazó
- Elenco artístico: Xulio Abonjo, Santi Romay, Ana Santos, Federico Pérez, Mónica García, Manuel Cortés e Iris Davila
- Duración: 100 min
- Clasificación: comedia
- Público adulto (maiores de 14 anos)
Prezo: 6,00 €