Hora do Conto

A hora do conto

Para a nena e neno pequeno a palabra oída exerce unha gran fascinación. O conto ou a poesía incorpórano a unha cultura que lle pertence, fano partícipe dunha creación colectiva e outórganlle signos de identidade. O libro oído, visto, tocado, como lectura compartida con outras nenas e nenos, axudaralle no seu contacto coa letra impresa, motivando unha lectura gozosa.

A través do universo máxico dos contos desenvólvese a imaxinación, a fantasía e a capacidade de fabulación de quen escoita. Trátase de espertar unha sensibilidade que faga descubrir o pracer que pode proporcionar a lectura, que os nenos e nenas vexan que tamén se poden divertir e pasar momentos moi agradables cos libros.

Obxectivos:

  • Que as nenas e nenos se divirtan escoitando contos.
  • Que descubran a diversidade dos libros e o pracer pola lectura.
  • Que as nenas e nenos aos que xa lles gusta ler afiancen e consoliden este hábito.

* Comprender, divertirse e reflexionar son os tres principais puntos en que se basea esta actividade.

Os obradoiros e as actividades infantís programadas son moi diversas. Predominan os contacontos, pero tamén se realizarán obradoiros de creación de fósiles de dinosauros, papiroflexia, espectáculos de música e letras, xogos e funcións de maxia, monicreques nas mans, talleres de ilustración, poemas e contos musicados, etc.

Haberá sesións dirixidas especificamente para nenas e nenos de 1 a 4 anos e outras para diferentes idades desde 3 a 12 anos, en función das características de cada actividade.

Para todas as representacións de contacontos dirixidas a nenas e nenos de 1 a 4 anos e para todos os obradoiros é imprescindible reservar praza na biblioteca en que se desenvolva cada unha das actividades, isto pode facerse chamando por teléfono ou achegándose persoalmente.

Soledad Felloza, Elefante Elegante, Pablísimo, Sonia Ojea, Gemola, Manel Cráneo, Pavís Pavós, Pedras: artesanía e patrimonio, Chrystyan Magic, Paco Nogueiras, OQO, Caxoto, Ciencia en ruta, Marisa Irimia, Charo Pita, Ramiro Neira, Fátima Fernández, Chus Álvarez, Ana Carreira, Paula Carballeira, a compañía Trinke Trinke Teatro e a Asociación Participa para la Inclusión Social narrarán diversos contos, como unha invitación a viaxar a un tempo máxico de fantasía e imaxinación ou realizarán diferentes obradoiros para aprender e divertirse con distintas creacións artísticas ou manuais.

Os días festivos non haberá actuacións.
Estas actividades de animación á lectura realizaranse de forma lúdica, activa e participativa, fomentando a imaxinación e a creatividade.
 

Biblioteca Central Rialeda: Telef. 981 639 511

Teléfono do Veciño: 981 610 000

“O libro, lugar onde dormen as historias que están esperando ser espertadas polas futuras lectoras e lectores”.