Historia

As testemuñas sobre a vida no noso territorio pérdense na noite dos tempos e nos ecos das lendas. A nós chegaron noticias da tribos Ártabras, recollidas polas crónicas romanas como presenzas xa ancestrais no seu tempo. Tamén das antigas idades chegaron a nós algúns castros e incluso a testemuña do noso nome, Oleiros, referencia aos recipientes de barro onde gardaban as cinzas dos mortos, que despois depositaban nas mámoas ou medoñas.

HistoriaO devalar do tempo foi en paralelo ao de Galicia enteira. Entre as tebras medievais chegou a nós a pequena xoia románica de Santa María de Dexo, o edificio máis sonado da antiguidade, restaurado pedra a pedra polo Concello xa perto do final do século XX.

A nosa historia está moi ligada á da cidade da Coruña. O outro gran edificio histórico, o castelo de Santa Cruz, está moi ligado á defensa da bahía, pois formaba un trío cos de San Diego (desaparecido) e San Antón. Algúns baluartes en Serantes tamén eran parte do sistema defensivo portuario, que máis tarde se completou cos Faros de Mera, chave do acceso marítimo á complexa ría coruñesa. Ademáis da arquitectura militar, algúns pazos por todo o Concello, fálannos dunha próspera fidalguía.

A inicios do século XX, Oleiros comeza a súa agradable convivencia entre a xente dos numerosos pobos e aldeas que compoñen o seu territorio e as que van chegando da puxante cidade da Coruña. Tras a construción da Ponte da Pasaxe descobren a marabilla do noso territorio: a vida tranquila e marisqueira do interior da ría, a sucesión de praias e cantís da parte central e a fera beleza do norte, aberto en canal a toda a forza do océano. A gran cantidade de villas modernistas e vangardistas e mesmo as pegadas industriais (A Fábrica, en Perillo, a Lagoa en Mera ou o Cristo Rey, en Nós, sede que fóra do Tranvía entre A Coruña e Sada) falan dun pasado bulideiro anterior á involución franquista.

HistoriaTras a guerra, o opaco silenciamento dos demócratas, vencidos polos alzados en armas contra a República democrática, trouxo a Oleiros anos de terror e oprobio, dirixidos pola burricie e as armas ao berro de “morra a intelixencia”. A partires dos anos 70 a xente comeza a organizarse e a poñer as bases para espertar da chamada Longa Noite de Pedra.

En Oleiros ese espertar materializouse en algo urxente: había que parar a quen estaba amenazando en convertir a nosa costa nun muro de cemento. Tanto en Santa Cristina como en Santa Cruz e Mera había plans para encher o litoral de edificios cos que faceren fortuna catro espabilaldos.

Nace así un movemento veciñal único que cambia radicalmente a forma de relacionarnos co territorio: en vez de lucrárense uns cantos aproveitados, beneficiámonos a maioría das persoas. Desde as primeiras elecións democráticas, as veciñas e os veciños definen o crecemento do municipio e o reparto dos beneficios que ese crecemento xenera. Por iso agora Oleiros dispón da maior infraestrutura pública e o maior número de equipamentos por habitante. Quen vive aquí coñece ben esa singularidade e síntese identificado cun territorio que lle pertence.