Cunplimento de ordenanzas

Limpeza de fincas

Limpeza de fincas

Conforme o que prevé a Ordenanza xeral de limpeza do Concello de Oleiros e da Lei de ordenación urbanística do medio rural de Galicia os propietarios ou titulares dos inmobles e solares teñen a obriga de mantelos nas debidas condicións de hixiene, salubridade, seguridade, limpeza e ornato público, xa que no caso de non realizar estas actividades, estaranse a producir molestias ás persoas propietarias de fincas lindeiras e ás persoas usuarias das vías públicas.

O Concello está habilitado polas leis para ordenar a execución das obras precisas para conservar aquelas condicións e poderán ordenar a execución das obras de conservación ás costas dos propietarios por motivos de interese turístico ou estético. No caso de que se incumpra a orde de execución das obras, a administración municipal procederá á súa execución subsidiaria ou á execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas de 300 a 6.000 euros, reiterativas ata lograr a execución das obras ordenadas.

Este réxime xurídico xustificou que nos pasados anos por parte do Concello se instruísen un numeroso conxunto de expedientes nos que, no caso de incumprimento da orde de mellora das fincas impuxéronse multas coercitivas de 300 euros, que se reiteraban mensualmente.

Considerando que esta materia afecta a competencias municipais como son a protección civil e a prevención e extinción de incendios e tendo presente a existencia de moitas fincas e solares que non reúnen as debidas condicións de salubridade e limpeza e os potenciais riscos de incendios que se derivan desa situación, lémbrase a todos os propietarios de fincas e solares sitos no Concello de Oleiros, que deben proceder ao corte de silveiras existentes nas devanditas fincas e solares e, en todo caso, evitar que as malezas traspasen os lindes das fincas invadindo a vía pública.

No suposto de non facelo, poderá proceder o concello á realización subsidiaria de tales traballos, sendo os custos que se deriven con cargo dos obrigados, de conformidade coa Ordenanza fiscal número 5, reguladora da taxa por servizos múltiples de extinción de incendios e corte de silveiras, sen prexuízo da imposición das sancións que procedan en aplicación da precitada ordenanza. Singularmente, aplicaranse con rigorosidade as medidas habilitadas pola normativa autonómica reguladora do solo, as cales son a imposición de multas coercitivas de 300 euros para os que desobedezan os requirimentos que desde o Concello se lles fixesen.

Considerando que as medidas sancionadoras non benefician a ninguén e atendendo ao interese social do Concello, promóvese que todos presten a maior colaboración.

Uso responsable da auga en regas de fincas

O Concello de Oleiros considera, por razóns de evidente necesidade, que é precisa a racionalización do uso da auga, de xeito que se fomenten medidas de aforro deste elemento indispensable, recoñecéndose os principios reitores na xestión na materia de augas: economía, coordinación e participación dos usuarios. Así, determinados usos que supoñen un consumo considerable teñen que ser controlados, como é o caso específico da rega dos xardíns.

O respecto do medio ambiente constitúe un piar fundamental da xestión pública do Concello, e do que todos os veciños deben tomar conciencia, de xeito que se contribúa a un modelo de desenvolvemento sostible, intelixente e responsable, diferenciándose dun crecemento descontrolado que comprometa as posibilidades de futuro. A cidadanía debe tomar conciencia de que a auga doce é un recurso natural, cada vez máis escaso e imprescindible como soporte de calquera forma de vida da natureza.

A Alcaldía ditou un bando no que sinala para todos os veciños a obrigatoriedade de adoptar medidas de promoción do aforro da auga. Singularmente, lémbrase ás comunidades de propietarios e titulares de fincas ou parcelas axardinadas que na tempada de verán só se poderá facer a rega dos xardíns en horario nocturno, podendo ser sancionados en caso contrario.

O Concello ten a obriga de realizar un control do uso da auga, que ten unha perspectiva económica, social e ambiental, tripla dimensión a ter en conta, potenciando a participación e a corresponsabilidade dos veciños para combater o desbaratamento, a insuficiencia e a contaminación da auga. Este elemento supón un dereito e unha responsabilidade paralela para toda a cidadanía.

O investimento en tecnoloxía a través de sistemas que faciliten a rega nocturna de xardíns permite cada vez máis un aforro maior e eficiencia no uso da auga, que promove unha maior dispoñibilidade e calidade na subministración. En consecuencia, tendo presente a existencia de urbanizacións e parcelas axardinadas que non contan na actualidade con sistemas de rega que promoven o aforro de auga e que a rega durante as horas do día produce deficiencias na subministración básica da auga para o consumo xeral, queda esta práctica prohibida na tempada de verán en beneficio de todos e todas.