O edificio

As Torres de Santa Cruz, Torre de Coruxo ou Pazo de Coruxo é un conxunto arquitectónico localizado no lugar de Coruxo de Abaixo, pertencente á parroquia de Liáns no concello de Oleiros (A Coruña). É un edificio orixinario do século XVII e ligado á linaxe nobiliaria dos Freyre de Moscoso ou Freyre de Somorrostro. Desde 1994 está catalogado coma Ben de Interese Cultural (BIC). Forma parte dun conxunto de edificacións situado nunha propiedade duns 6.400 m2, dos cales 5.625 m2 corresponden aos xardíns. Dentro do recinto atópanse a estrutura da capela (convertida hoxe en local social para o uso dos veciños), a Casa da Gardesa e o Alfar das Torres (un edificio de finais do século XX). A edificación principal sufriu numerosas modificacións ao longo do tempo.

A orixe do pazo remóntase á época na que a familia Freyre exercía a súa hexemonía sobre a bisbarra coruñesa das Mariñas, máis xa no século XVIII, o declive da baixa nobreza galega e os procesos desamortizadores do reinados de Fernando VI provocan que moitos destes solares acaben en mans alleas ou abandonados. Nos finais do século XVIII a finca é adquirida por Don Martín de Torres Moreno, cabaleiro da Orde de Santiago e oriúndo da Rioxa. Torres Moreno chegou a Galicia cunha dispensa da Corte de Madrid para fundar unha casa de contratación, comercio e banca, o que lle conferiu a el e aos seus descendentes unha posición acomodada dentro da sociedade coruñesa. Por aquela época era común que as familias da elite da cidade herculina adquiriran fincas, pazos e quintas nos arredores da cidade, sendo As Mariñas, os actuais concellos de Oleiros e Sada, a zona máis desexada. Temos que ter en conta que Oleiros non aparece na Historia como entidade municipal ata o chamado Sexenio Revolucionario (1869-1875), cando os diferentes gobernos reestruturan o mapa municipal español. É en 1869 cando Olieros, así aparece nos rexistros, acada o rango de concello.

En poucos anos Oleiros vaise encher de segundas residencias destas familias notables: Francisca Herrera e Marcial del Adalid no Pazo de Lóngora de Bastiagueiro ou Emilia Pardo Bazán e José Quiroga no castelo da illa de Santa Cruz ou no Pazo de Meirás en Sada, a poucos quilómetros das Torres de Coruxo.

Na década dos 40 o réxime franquista incauta o pazo para dedicalo ás colonias de verán da Sección Feminina da Falanxe. Xa a comezos da década de 1980 chega unha nova candidatura veciñal ao Goberno Municipal e a prioridade na que se centraron os esforzos foi na escolarización dos rapaces de Oleiros, polo que se fixo unha nova reforma no edificio para acoller o curso escolar de 1981-1982. Pero só foi unha solución temporal ata a construción doutros colexios no municipio, pasando a converterse nun Centro Cultural concibido para mellorar a accesibilidade dos oleirenses ao mundo da Cultura. Con este fin, o Concello de Oleiros acada en 1989 a cesión do edificio das Torres de Santa Cruz, transferido naquel momento á Xunta de Galicia. O soporte legal desta cuestión queda reflectido no Decreto 235/1989, do 19 de outubro , polo cal o inmoble queda “desafectado do dominio público”, e declarado inalienable pola Orde do 20 de novembro de 1989 .

Ao ano seguinte comezan as obras de rehabilitación cun engadido na planta baixa, aproveitando unha antiga terraza, para albergar a Biblioteca Pública Municipal e o Centro de Documentación da Muller Rosalía de Castro que se instalan en 1992. Tres anos máis tarde é a quenda do Museo “Os Oleiros” – José Mª Kaydeda, reflectido na realización dunha exposición permanente no primeiro e no segundo andar do edificio principal.

A finais da década de 1990 levántase, a carón da Casa da Gardesa, o “Alfar das Torres” e a comezos do século XXI construíuse un anexo na planta baixa do Pazo das Torres para dar cabida ao Auditorio.

Arestora o Centro Cultural das Torres continúa exercendo como o eixo cultural de Santa Cruz coas mesmas función comentadas anteriormente. Tamén é importante facer mención ao Xardín das Torres no que se conserva un magnífico exemplar de ombú ou bellasombra (Phytolacca dioica) e a Capela do pazo, hoxe convertida nun espazo para o uso dos cidadáns denominada Casa da Gardesa.