Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás Oleiros novamente na esfera política internacional coa inauguración do Paseo Pepe Mujica o sábado 17 de outubro

Unha vez máis, a política que desenvolve o Concello de Oleiros traspasa fronteiras. Nesta ocasión será con motivo do acto de inauguración do Paseo Pepe Mujica, que está a suscitar un grande interese en Uruguai, o que motivará a presenza en Oleiros dunha das políticas máis importantes que hai no país na actualidade, a senadora do Frente Amplio Blanca Rodríguez. 

Rodríguez, de ascendencia galega, desenvolveu durante décadas unha brillante e popular carreira como xornalista de televisión e radio antes de dar o salto á política da man de José Mujica, que foi precisamente quen a presentou publicamente ante os medios e a sociedade uruguaia no 2024. A súa participación no acto do Concello ten un especial significado pola relación persoal e política que mantivo con Mujica e por estar chamada a ocupar a primeira liña política do país de forma inmediata. Os importantes avances que está a impulsar na infancia, na educación ou na convivencia democrática están a convertela no principal valor político do MPP (Movimiento de Participación Popular), o sector de Mujica que forma parte do Frente Amplio que goberna o país.

Xunto a ela, tamén intervirán no acto de inauguración o embaixador da República de Uruguai en España, Bernardo Greiver del Hoyo, e o propio alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane. 

Ademais, a dimensión da homenaxe quedará reflectida na participación de Lucía Topolansky, exvicepresidenta do Uruguai e compañeira de vida de José Mujica. A súa intención inicial era desprazarse persoalmente a Oleiros, pero circunstancias persoais impedirán finalmente a súa presenza física. Topolansky intervirá no acto a través dun videoconferencia que se emitirá nunha pantalla xigante.

O acto celebrarase o sábado 17 de outubro, ás 12:00 horas. Será público e aberto a toda a cidadanía e terá lugar na zona do Paraíso (https://maps.app.goo.gl/2bMqR3sNHrzKgbNw6).  

A Banda da Escola Municipal de Música de Oleiros amenizará o acto. Antes do inicio, realizará un pasarrúas por todo o percorrido do novo paseo.
 

back link