O espazo no que comen os nenos e nenas atópase nun estado totalmente impresentable. O comedor atópase fortemente degradado con paredes totalmente desfeitas, humidades, filtracións de auga... que requiren dunha actuación de urxencia por parte da Xunta de Galicia.
Por parte do Concello, o alcalde dirixiuse por escrito ao conselleiro de Educación para informalo da situación e reclamar a inmediata realización das obras de comedor. Non se pode tolerar que nun centro de ensino público haxa espazos tan abandonados.
O Concello de Oleiros, para garantir o benestar dos nenos e nenas, executa continuamente distintas obras a petición das direccións ou das ANPA. No caso concreto deste centro, o Concello realizou este curso as obras de renovación do solo das aulas de infantil. Era a Xunta quen debía realizar esa obra, pero o Goberno municipal entendeu que os nenos e nenas merecían ter unha aula en mellores condicións. Igualmente, foi renovada a pista polideportiva por parte do Concello, así como outras melloras nas zonas verdes.