Igual que sucede nesta estrada (rúa Doutor Fleming) que vai desde a Igrexa de Serantes ata Lorbé, outros importantes tramos das estradas principais de Oleiros de titularidade autonómica non dispoñen de beirarrúas nin carril bici. As beirarrúas e andéns existentes foron construídos directamente polo Concello, que asumiu as obras ante a necesidade de mellorar a seguridade viaria e facilitar a mobilidade peonil e ciclista.
O Goberno da Xunta está a practicar unha política caciquil e partidista que basicamente consiste en realizar as obras públicas nos municipios nos que o Partido Popular ocupa a alcaldía. Esa forma arbitraria e indecente de gobernar non castiga aos gobernos municipais que non son afíns, senón que realmente atenta contra os dereitos da cidadanía e o interese xeral, poñendo en serio risco a seguridade e integridade física de milleiros de condutores e peóns, como sucede nas estradas autonómicas de Oleiros, que son as vías principais do concello.