Malia existir acordo entre todas as partes para a sinatura dun novo convenio e uns novos estatutos, a Xunta de Galicia, que ostenta a presidencia do organismo durante este ano (é rotatoria), ten o proceso paralizado. Igual que tamén ten bloqueada a renovación da praza de director.
“Levamos un ano sen que a conselleira, que é a presidenta do CEIDA, pisara o centro. Tivemos varias reunións, mandan a unha funcionaria moi amable, pero hai que levar adiante o cambio de estatutos, a renovación do convenio e convocatoria para a praza da dirección. É que estamos sen director! Mandeille unha carta á conselleira e non nos contestou... É un desprezo total ao Concello de Oleiros”, dixo o alcalde.
Galicia non pode perder o centro máis importante de investigación e divulgación medioambiental. O CEIDA é fundamental para conectar a investigación académica, a xestión pública e a sensibilización cidadá en materia de medio ambiente. Nun momento histórico como o actual, a promoción dun cambio de conciencia a través da educación e a formación especializada é determinante. Ademais xoga un papel clave na protección do patrimonio natural galego ao coordinar programas de divulgación, xestionar recursos documentais e fomentar a participación pública na conservación da biodiversidade.
Se a Xunta de Galicia realmente aposta pola continuidade do CEIDA debería demostralo.