O primeiro espectáculo será o sábado 3 de outubro, ás 20:30 horas, con Mofa & Befa e Os dous de sempre, unha comedia dirixida por Quico Cadaval e protagonizada por Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Josito Porto. A proposta recupera os personaxes de Pedriño e Rañolas, inspirados no universo de Castelao, para construír un espectáculo no que o humor, o absurdo e a tradición dos pallasos populares se mesturan coa realidade galega.
Posteriormente haberá danza contemporánea con NGOMA, de La Guajira;
Xoguetes rotos, de Barrosanta en coprodución con Butacazero; Bio Construción, de Ibuprofeno Teatro; e Ictus (a derradeira leición de anatomía do Dr. Castelao), de Chévere en coprodución co Centro Dramático Nacional.
A programación ofrece así cinco propostas moi diferentes, pero cun denominador común: a aposta por unhas artes escénicas de calidade, próximas á cidadanía e capaces de entreter ao mesmo tempo que convidan á reflexión e a uns prezos asumibles. As entradas para os espectáculos poden adquirirse a través da plataforma electrónica Giglon e no despacho de billetes dos auditorios municipais –só con tarxeta bancaria- desde unha hora antes do comezo de cada función.
A programación do Concello de Oleiros está integrada na Rede Cultural da Deputación da Coruña e na programación de AGADIC.