Novas

NOVAS

Atrás Oleiros recibe este domingo el espectáculo Azou y un taller de hip hop

O auditorio da Fábrica, en Perillo, acollerá este domingo 23 a partir das 18.00 h da tarde un obradoiro de hip hop e mais a posta en escena do espectáculo musical do grupo Azou.

Azou é un proxecto musical de dinamización lingüística dirixido principalmente a rapaces e rapazas entre 12 e 16 anos, baseado nas redes sociais, e integrado no Programa Bocaberta da Secretaría Xeral de Política Lingüística, coa colaboración do Concello de Oleiros a través do seu Servizo de Normalización Lingüística.

A idea e o espectáculo xiran ao redor do proceso de creación dunha banda de música formada por dúas mozas e un mozo. Os protagonistas, cheos de enerxía e talento, cantan, bailan e poñen en escena unha proposta única que, facendo uso das últimas tendencias tecnolóxicas, mestura imaxes, sons e animacións.

Música
Marcos Payno, Pablo Pérez e Jerry Noia  son os creadores dos temas que interpretan os compoñentes de Azou. Música de estilo pop, urbano e moderno con melodías pegadizas na onda da música internacional máis actual. As letras de Azou buscan a identificación co público adolescente e a transmisión de valores positivos a través do galego. Falan de soños e de logros, fomentan a imaxe dunha mocidade dinámica, activa e segura de si mesma e ademais apostan por unha sociedade diversa, plural e igualitaria.

Obradoiro de hip hop
Ademais do espectáculo, terá lugar un obradoiro impartido por Serxio Regos, “Garcìa”, do Colectivo Hip Hop Dios Ke Te Crew. A actividade, dunha hora de duración e prazas limitadas, vai dirixida aos alumnos de Secundaria. O obradoiro dará a coñecer, dunha forma participativa, diferentes vertentes artísticas da cultura hip hop (breakdance, graffiti…), centrándose nunha delas: o rap, como técnica lingüística e ferramenta comunicativa.