Unha tempada máis, as Bibliotecas Municipais de Oleiros organizan actividades de promoción da lectura dirixidas a nenas e nenos.
Ler conta moito é un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola
Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e en colaboración coas Bibliotecas Municipais de Oleiros. Con este programa as nenas e nenos poderán fomentar a creatividade con obradoiros de plastilina, divertirse e aprender con sinxelos experimentos científicos, escoitar contacontos, ver espectáculos de monicreques, gozar cun taller sobre a arte nos libros ou entreterse cun espectáculo de maxia.
A Hora do conto é unha actividade tradicional nas Bibliotecas Municipais de Oleiros na que se levan a cabo diferentes sesións de contacontos dirixidas a nenas e nenos menores de 10 anos. Nárranse ou dramatízanse un ou varios contos, cun enfoque lúdico e unha vivencia activa e participativa cos libros, fomentando a creatividade, como unha invitación a viaxar a un mundo máxico de imaxinación e fantasía.
Os obxectivos que se intentan conseguir son, principalmente, a promoción da lectura, pero tamén que as
nenas e nenos participantes se divirtan escoitando contos, facer novas lectoras e lectores ou consolidarlles este hábito, que descubran a diversidade dos libros e o pracer pola lectura e que vivan o libro en colectividade xunto con outras nenas e nenos.

Participarán as contadoras e contadores Raquel Queizás, Pablísimo, Soledad Felloza, Paula Carballeira, Marisa Irimia, Ramiro Neira, Genma Pardo, Pedro Brandariz, Fátima Fernández, Caxoto, Pizpireta, o Fogueteiro, Carmen Domech, as Compañías Sarabela Teatro, Trinke-Trinke, Elefante Elegante, Migallas Teatro, Larraitz, Matapiollos Teatro, Xanela ocio e animación, Expresión Produccións, así como as monitoras María Noel Toledo e Nita, ou o mago Chrystyan Magic.
Preténdese introducir ás nenas e nenos no mundo dos libros a través dunha lectura que poidan comprender, que os faga gozar e divertirse. Tratarase de espertar unha sensibilidade que faga descubrir o pracer que pode proporcionar a lectura, que os nenos e nenas vexan que tamén se poden divertir e pasar momentos moi agradables cos libros.