O vindeiro sábado 25 de abril terá lugar unha nova edición do programa Andares por Galicia, a Cultura da Natureza, organizado polo Concello de Oleiros.
Este Programa céntrase en descubrir as características máis importantes a nivel natural, social e cultural da nosa terra e xerar conciencia de coidado e protección do patrimonio natural e cultural. Así mesmo trata de promover a convivencia e a socialización do grupo de participantes nun ambiente aberto e favorecer hábitos saudables de ocio no medio natural.
Esta saída contará con 3 guías especializados/as e ofértanse 40 prazas dirixidas a persoas maiores de idade, cun prezo de 23 euros, e preferencia para persoas empadroadas no Concello de Oleiros.
|
RUTA DA SERRA DO CANDÁN ÁS PONTES DO LÉREZ 25 de abril de 2026 |
|
Lonxitude: 16,5 km Dificultade: media-alta |
|
Percorrido longo que nos achega á comarca de Terra de Montes, na Dorsal Galega da provincia de Pontevedra, nos ZEC (Zonas de Especial Conservación) da Serra do Candán e Serra do Cando, maioritariamente no concello de Forcarei. Este territorio conserva unha gran riqueza natural, paisaxística e cultural e das súas montañas, con altitudes entre os 600 e 1017 do alto de San Benito nacen os ríos Deza, Toxa, Umia e Lérez. Nunha parte do camiño acompañaremos ao Lérez descubrindo moitas pontes e pontellas, de fermosa feitura como a de Andón, sendo testemuñas pétreas da historia e dun oficio referencial nesta Terra como o de canteiro. Outros lugares destacables serán o Mosteiro de Aciveiro e as fragas e bosques con carballeiras acompañadas de bidueiros e ameneiros no río que acollen especies protexidas como o lobo, o bufo real, o miñato abelleiro ou a píntega rabilonga. |
|
PUNTOS DE INTERESE
VISITA CULTURAL: Mosteiro de Aciveiro (só exterior) |
Maiores de idade
25 DE ABRIL
- As preinscricións realizaranse preferentemente na Sede electrónica/catálogo de trámites/cultura a partir do luns 13 de abril ás 10.00 horas.
- No caso de que algunha persoa non lle sexa posible realizala así, poderá facelo na Fábrica en horario de mañá de 10.00 a 14.00 horas.
- Ocuparanse as prazas por sorteo entre todas as solicitudes rexistradas entre o luns 13 ás 10.00 horas e o martes 14 ás 14.00 horas e terán preferencia as persoas empadroadas no Concello de Oleiros.
23 euros