2025

Atrás 23S de 2025. Declaración institucional polo Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Mulleres, Nenas e Nenos

Nesta publicación recóllese a declaración insititucional en conmemoración do 23S de 2025, Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Mulleres, Nenas e Nenos

O 23 de setembro conmemórase o Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Mulleres, Nenas e Nenos. É unha xornada para lembrar que estamos diante dunha das violacións máis graves e intolerables dos Dereitos Humanos. Un día de denuncia, de concienciación e de sensibilización social, porque só cun compromiso político, institucional e colectivo poderemos erradicar esta lacra.

Tal e como recolle o Informe Mundial sobre Trata de Persoas de 2024 realizado pola ONU, máis do 90% das vítimas de trata con fins de explotación sexual son mulleres e nenas, alertando de que esta práctica non só persiste, senón que se está a expandir e diversificar: desde a prostitución forzada ata a produción de material de abuso sexual infantil en liña, pasando polo uso crecente das redes sociais e doutras plataformas dixitais para captar, enganchar, controlar e explotar ás vítimas.

En España, a situación non é mellor. Segundo o Informe CITCO de 2024 do Ministerio do Interior, en 2023 foron 1.466 as vítimas rescatadas de redes de trata e explotación, das cales 370 mulleres e 9 menores sufriron explotación sexual. Pola súa parte, o macroestudo do Ministerio de Igualdade de 2024 estima que existen arredor de 114.576 mulleres en situación de prostitución, das cales un 80% están en risco de trata con fins de explotación sexual. E, por suposto, cómpre lembrar que España continúa a ser un dos países europeos cun maior consumo de prostitución por parte dos homes, unha realidade que alimenta directamente a demanda que sostén estas redes criminais.

Tampouco podemos ignorar que o espazo dixital converteuse nun escenario central da explotación: como alerta a ONU, proxenetas e organizacións criminais operan nas redes sociais e nas plataformas en liña para atraer e controlar mulleres e nenas, multiplicando os riscos e dificultando a súa detección polas autoridades.

Todo isto mostra unha cruel e vil realidade: mulleres e nenas reducidas a mercadorías, a obxectos de compra e venda, con proxectos vitais roubados e dereitos pisoteados.

Non, a trata con fins de explotación sexual non é un feito illado, senón a expresión máis extrema dun sistema patriarcal que mercantiliza os corpos das mulleres, perpetúa a desigualdade e sostén a violencia machista. É unha ferida social que degrada a todas e todos, e que non pode ser tolerada.

Por todo isto, desde o Concello de Oleiros:

  • Denunciamos que estamos ante un atentado directo contra os Dereitos Humanos, que require da implicación de todas as administracións, organizacións e da cidadanía.  
  • Facemos un chamamento á veciñanza a non mirar cara o outro lado, a alzar a voz e a construír redes de apoio mutuo que rachen co silencio e a complicidade.
  • E, por suposto, reafirmamos o noso compromiso político e institucional coa erradicación da trata e da explotación sexual, impulsando políticas públicas feministas, de prevención, detección e atención integral ás vítimas, que poñan no centro a dignidade, a reparación e a liberdade.

Porque cada muller, cada nena e cada neno teñen dereito a unha vida digna e libre de violencia.

Porque non hai liberdade mentres exista unha soa persoa escravizada.

Porque a explotación sexual e a trata non teñen cabida nunha sociedade democrática nin nun mundo que teña a igualdade e a liberdade por bandeira.

En Oleiros, este 23 de setembro erguémonos contra a trata e contra a explotación.

Erguémonos pola liberdade, pola igualdade e pola dignidade.

Porque Oleiros é loita.

Oleiros é igualdade.

Oleiros é dignidade.

Oleiros, di NON á trata!