Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás Vinte mozas e mozos parten mañá cara Italia para participar no intercambio cultural con Buccino

Oleiros, 14 de agosto de 2018-. O Concello de Oleiros organiza un intercambio xuvenil coa Comuna de Buccino, no sur de Italia, entre os días 15 e 21 de agosto. Un grupo de 20 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos iniciarán mañá a súa viaxe ata terras italianas.

Os mozos e mozas participantes aloxaranse nas vivendas dos rapaces italianos que participan nesta actividade e que, posteriormente, virán a Oleiros. Os gastos do desprazamento están subvencionados nunha parte importante polo Concello.

Ademais de diferentes actividades e excursións previstas no programa, os participantes elaborarán un documental sobre o intercambio durante a súa estancia en Italia, para o que previamente realizaron un curso formativo.

Este non será o primeiro intercambio xuvenil entre Oleiros e Buccino. Noutras dúas ocasións anteriores xa se realizou esta iniciativa coa que se pretende fomentar a convivencia e o encontro entre a mocidade destes dous municipios.

O intercambio leva o nome de “Xeración A Fábrica por Italia” facendo referencia aos grupos de mozas e mozos que participaron no proxecto “Xeración A Fábrica” e que desenvolven xunto ao Concello propostas para a xuventude de Oleiros. Entre as súas suxestións atopábase a da realización dun intercambio, polo que grazas á boa disposición da Comuna de Buccino o Concello conseguiu poñelo en marcha este verán.

 

back link