Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás Unha excursión percorrerá o tramo do Camiño de Santiago que vai desde O Cebreiro ata Triacastel

Oleiros, 26 de abril de 2016-. O sábado 21 de maio o Concello de Oleiros organiza unha viaxe para percorrer o primeiro tramo do Camiño de Santiago declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no ano 1993. En concreto trátase da etapa que vai desde O Cebreiro ata Triacastela, que conta cunha distancia de 25 quilómetros e un grao de dificultade media-alta.

Con esta actividade tratarase de descubrir as características máis importantes a nivel natural, social e cultural deste tramo do camiño, e promover a convivencia e a socialización do grupo de participantes nun ambiente aberto. Así mesmo, procúrase favorecer hábitos saudables de ocio no medio natural e xerar conciencia de coidado e mellora do patrimonio natural e cultural.

A actividade está dirixida a público familiar, preferentemente maiores de idade, pero valorarase a posibilidade de participación de maiores de 14 anos, sempre e cando asistan acompañados dun adulto. O prazo de inscrición ábrese o vindeiro luns 2 de maio e ofértanse un total de 30 prazas, tendo preferencia as persoas empadroadas no Concello de Oleiros.

Para obter máis información e inscribirse, as persoas interesadas deben dirixirse ao Departamento de Cultura: 981 610 000 (extensións 4915 e 4916), cultura@oleiros.org, r.caparros@oleiros.org.
 

back link