Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás Televisións de todo o mundo retransmitirán a visión da eclipse desde Oleiros

 O Concello de Oleiros acordou coa Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) a utilización da Aula do Mar de Mera como centro de operacións para a cobertura informativa da eclipse solar do vindeiro 12 de agosto. Desde este espazo emitirán a Televisión de Galicia e a Radio Galega todos os seus informativos e programas especiais dedicados a este acontecemento astronómico. Ademais, o sinal desta retransmisión será distribuído a todas as televisións autonómicas e tamén chegará diferentes cadeas internacionais.

Na Aula do Mar tamén estará situado o Posto de Mando Avanzado do Concello de Oleiros para esta xornada. Policía Local, Servizo Municipal de Emerxencias e Garda Civil centralizarán desde o edificio as comunicacións e os mandos para actuar ante posibles emerxencias. O operativo que se despregará por todo o municipio contará con máis de cen efectivos municipais pertencentes á Policía Local, Servizo Municipal de Emerxencias, Protección Civil, Servizo de Salvamento e Socorrismo co obxectivo de garantir a seguridade das persoas e minimizar as afeccións ao tráfico.

Con motivo da preparación e desenvolvemento tanto do Posto de mando avanzado como da retransmisión televisiva, a Aula do Mar modificará o seu horario de apertura. Así, o martes 11 de agosto abrirá unicamente de 12 a 14 h, permanecendo pechada durante toda a tarde. Pola súa banda, o mércores 12 de agosto pechará durante toda a xornada.

back link