Oleiros, 06 de marzo de 2017-. Operarios municipais detectaron esta mañá o roubo de 10 farois na urbanización A Xesta, en Iñás. Os ladróns levaron luminarias led que daban iluminación nas rúas Silvas e Toxeiras.
O custo de reposición das luminarias roubadas e dos cables que os ladróns cortaron para realizar a manobra está valorado nuns 5.000 euros. Ademais hai que engadirlle os gastos de instalación. Para evitar este tipo de sucesos, o Concello de Oleiros lembra a importancia de que ante calquera acontecemento fóra do habitual que se produza na vía pública se chame á Policía Local 981 610 001.