Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás Roteiro Literario pola Costa de Mera coa escritora Silvia Salgado

O xoves 24 de abril ás 11:00 horas terá lugar o roteiro literario pola Costa de Mera Paisaxe e faro: fascinación artística coa escritora Silvia Salgado.

Enmarcada na programación especial para conmemorar o Día Mundial do Libro, o Concello de Oleiros organiza un roteiro literario que partirá do paseo Balcón de Maianca, diante da capela de Santa Ana e recorrerá a costa ata chegar aos faros de Mera.

Durante o percorrido realizaranse diversas paradas e lecturas en voz alta e comentadas.

O aforo é limitado a 20 persoas e é imprescindible reservar praza na biblioteca Rialeda, chamando por teléfono ao 981 639 511 ou por Internet en www.oleiros.org/bibliotecas/inscribete

Actividade está dirixida a persoas mozas e adultas ás que lles guste camiñar, con inquietudes pola literatura e a fotografía, principalmente pola que xira en torno a un faro.

Falarase da relación entre literatura e fotografía, do diálogo que se pode establecer entre esas dúas disciplinas artísticas e tamén de como a literatura nos achega dunha maneira particular a unha obra e ao seu mundo; da beleza da paisaxe e o seu protagonismo en moitas historias, do paseo como evocador de narracións, lembrarase a Sofía Casanova e a fascinación artística que sentiron, en direccións opostas, algúns escritores e escritoras ou da influencia que os faros tiveron na literatura e na arte, en xeral.

Leranse fragmentos e poemas de Olga Novo (Feliz idade), Berta Dávila (Os seres queridos), Mar García Puig (La historia de los vertebrados), Charlotte Perkins (El papel pintado amarillo)
Alessandro Baricco (Océano Mar), Vicente Risco (Da medida das cousas, publicado en Leria), Sofía Casanova  (Quiero Galicia en tu adorado seno, do poema Anhelo), Celso Emilio Ferreiro (Longa noite de pedra), Luis Cernuda (Soliloquio del farero), Virginia Wolf (Al faro), Edgar Allan Poe (El faro), Ray Bradbury (La sirena en la niebla), Jazmina Barrera (Cuaderno de faros) e Jeanette Winterson (La niña del faro).

Silvia Salgado é unha autora catalá que reside en Mera (Oleiros). Licenciada en Ciencias Políticas pola Universidade Autónoma de Barcelona e cun posgrado en Xornalismo da Universidade Columbia de Nova York. Algunhas das súas obras publicadas son: Verde en el tejado, Mientras hilan las mariposas, La aldea, El intermedio que somos e Si te vuelves invierno. Coordina os clubs de lectura das bibliotecas municipais de Oleiros, dirixe talleres de escritura creativa e colabora como columnista en El Ideal Gallego. Compaxina o seu traballo coa súa paixón pola fotografía.

Desde as bibliotecas municipais invítase ás persoas que desexen asistir, ata completar o aforo, para que gocen coa palabra e coa paisaxe desta fermosa localidade.

back link