- Infantil (menores de 10 anos):
"Cantareas do faro" de Miguel Anxo Romero, ilustrado por Leandro Lamas. Música de Bárbara Mourelo. En Embora
"Cantareas do faro" é un libro-disco que contén doce poemas escritos por Miguel Anxo Romero, acompañados por unhas simpáticas e coloridas ilustracións de Leandro Lamas e musicados pola pianista Bárbara Mourelo.
Son poemas infantís que tratan temáticas moi diferentes:
O primeiro fala dun neno ou nena que axuda a súa nai recollendo os ovos das galiñas cos que van facer unha tortilla.
O segundo de como xoga na area da praia cun papaventos verde limón.
O terceiro de que escoita a máquina de coser de súa nai que cose e cose sen parar.
O cuarto está dedicado a súa sombra, que a segue a todas partes.
O quinto presenta un galo que en vez de quiriquirear miañou.
O décimo que nos explica o son que emite o faro de Fisterra cando hai néboa.
Ou o último dedicado a falar baixo na escola.
No CD hai seis poemas cantados por Ana Rey e nos outros hai cancións interpretadas por Lorena Montero, por Leandro Lamas, ou polo propio autor dos textos, pero sempre acompañados ao piano por Bárbara Mourelo e nos que colaboran diversas nenas e nenos.
Lendo os poemas, escoitando as cancións, cantando e bailando poderán pasar uns momentos moi divertidos.
Neste ano en que o Día das Letras Galegas estivo dedicado ás cantareiras, esta tamén é unha forma moi agradable de celebralo.
- Mocidade e público adulto:
"Materia" de Yolanda Castaño. Editado por Xerais.
Dispoñible en GaliciaLe
É un libro de poemas ao que lle concederon o Premio Nacional de Poesía 2023, que entrega o Ministerio de Cultura, e Premio da Crítica en lingua galega no 2022.
Yolanda Castaño, Premio da Cultura de Galicia, é poeta, filóloga e unha activa xestora cultural, coa súa propia residencia para escritoras e escritores na Coruña. Hai moitos anos que colabora coas bibliotecas municipais de Oleiros realizando recitais de poesía, contacontos, obradoiros e diversos espectáculos poéticos dirixidos ao alumnado dos centros de ensino de Oleiros.
Ademais dos premios citados, ten outros no seu haber como por exemplo: Premio Irmandade do Libro a autora do ano, Premio Fundación Novacaixagalicia, Premio Ojo Crítico, Premio Espiral Maior ou Premio Nacional da Crítica.
O poemario "Materia", segundo o xurado do Premio Nacional de Poesía “mostra unha poesía metafórica que dialoga coa memoria persoal e colectiva e, á vez, directa, radical e feminista. Explora, de forma non compracente, temas como a maternidade, a familia e os costumes”.
Figura dividido en tres partes: Un río subterráneo, Iceberg e Nube ou O peso da Ingrávida. Está formado por vinte nove poemas que non deixan indiferentes a ninguén. Por destacar algúns, o primeiro é o impáctante titulado “Algunhas estrelas non caen do ceo” que fala da memoria
histórica e dun represaliado; ou o atraente “A miña relación máis longa” no que explica a relación que ten coa súa casa; ou o afectuoso “Carta ao irmán”; o fermosísimo “Iceberg”; ou o que dedica as súas amigas; o evocador “A casa dos meus pais”; o emotivo “Non chegarei a” que explica a decisión persoal de non ser nai, e así poderíamos continuar...
Unha magnífica proposta poética. Poderán ler poesías que emocionarán.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.