Durante o encontro, o alcalde, Ángel García Seoane, trasladou ás deportistas, ao corpo técnico e á directiva o seu recoñecemento e felicitación polo excelente traballo realizado ao longo da tempada –ganaron todas as regatas disputadas na liga agás unha-, que permitiu ao equipo conquistar o título galego nunha disciplina que require dun grande esforzo e dedicación. Un auténtico orgullo para Oleiros e un magnífico exemplo, especialmente para a mocidade.
A conquista da Liga Galega de Traiñeiras por parte do Club de Regatas Salgado-Perillo supón outro grande éxito para o deporte oleirense, resultado de anos dun magnífico traballo de canteira por parte do club, unha liña compartida polo conxunto das entidades deportivas do municipio e que desde o Concello se impulsa coa política deportiva que desenvolve o Goberno municipal.
O Club de Regatas Salgado-Perillo finalizará a tempada esta mesma semana en Donosti, na prestixiosa regata de traiñeiras da Kontxa. O xoves competirán na xornada clasificatoria xunto ás mellores tripulacións de todo o Estado.