Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás Os roubos en vivendas no municipio descenden un 46% no 2021

 Oleiros, 17 de febreiro de 2022-. A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e o alcalde de Oleiros, Angel García Seoane, copresidiron esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade, que celebrou unha sesión ordinaria. Xunto a eles, asistiron a primeira tenente alcalde do Concello de Oleiros, María José Varela; o tenente coronel xefe en funcións da Comandancia da Garda Civil da Coruña, o tenente xefe do Posto da Garda Civil de Oleiros, representante da Policía Autonómica, o xefe da Policía Local de Oleiros e a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno na Coruña.

 
Na reunión analizouse a evolución da seguridade cidadá no Concello, cunha taxa de criminalidade que está notablemente por debaixo da media de España, cunhas cifras que mostran datos similares aos de 2019, xusto antes do inicio da pandemia. Entre os datos máis chamativos destaca a redución de roubos en vivendas nun 46% respecto ao ano 2019.
 
No encontro tamén se destacou a excelente coordinación existente entre a Garda Civil e a Policía Local nas seguintes materias: seguridade cidadá (a través da colaboración na realización de inspeccións de persoas e vehículos); seguridade viaria e prevención e loita contra a violencia de xénero. Respecto deste último tema, os asistentes destacaron o papel activo que desempeña o corpo da Policía Local no seguimento e protección de vítimas de violencia de xénero neste municipio.
 
O alcalde aproveitou a ocasión para reiterar a necesidade de intensificar a coordinación para evitar actos vandálicos e erradicar o tráfico de drogas. Tamén se resaltou a importancia de actuar ante delitos informáticos para os que a Garda Civil dispón dunha unidade especializada.
back link