Oleiros, 05 de maio de 2016-. Os mellores areais da comarca atópanse en Oleiros. As praias de Santa Cristina, Bastiagueiro, Mera, Espiñeiro e Naval -que non fora recoñecida con anterioridade- pendurarán a Bandeira Azul este verán. Ademais, a praia de Bastiagueiro recibirá unha bandeira especial ao ser unha das 7 únicas praias de toda España que levan conseguido a Bandeira Azul de xeito ininterrompido durante os 30 anos de existencia desta distinción.
O traballo serio e rigoroso do Concello neste ámbito posibilita que Oleiros sexa dos municipios que acumulan máis bandeiras azuis para este 2016. Os múltiples servizos cos que o Goberno local dota ás praias do municipio, xunto coa calidade das augas e a aposta pola conservación dos contornos da praias e de todo o litoral explican este éxito. Tamén existe unha ordenanza do uso das praias, pioneira en Galicia, que contempla unha normativa que garante a convivencia e a seguridade dos bañistas.
O alcalde expresou o orgullo que sente o Goberno local por este importante recoñecemento. Máis especial se cabe no caso de Bastiagueiro, que se atopa entre ese selecto grupo das sete praias que levan recibindo a bandeira azul durante 30 anos consecutivos. “Bastiagueiro é unha das mellores praias de comarca. Moi segura, dotada de bos aparcadoiros, con duchas, cun excelente servizo de socorristas, rasante continuada, cunha calidade da auga magnífica,...”, dixo Ángel García Seoane.