Hemeroteca

Asset Publisher

Back Oleiros retoma o exitoso programa de contacontos «A Hora do Conto» e a actividade «Ler conta mo

Oleiros, 24 de setembro de 2013-. O Concello de Oleiros pon de novo en marcha dúas actividades de promoción da lectura entre escolares. O programa A Hora do Conto e a actividade Ler conta moito están encamiñadas a promover a lectura como ferramenta de ocio e o uso das bibliotecas públicas como espazo de préstamo bibliográfico, de lectura e de estudo.

A Hora do conto é unha actividade tradicional nas Bibliotecas Municipais de Oleiros na que se levan a cabo diferentes sesións de contacontos dirixidas a nenas e nenos menores de 10 anos. Nárranse ou dramatízanse un ou varios contos, cun enfoque lúdico e unha vivencia activa cos libros, fomentando a creatividade, como unha invitación a viaxar a un mundo máxico de imaxinación e fantasía.

Pola súa parte, Ler conta moito é un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e en colaboración coas Bibliotecas Municipais de Oleiros. Con esta actividade as nenas e nenos poderán fomentar a creatividade con obradoiros de plastilina, gozar e aprender con sinxelos experimentos científicos, escoitar  contacontos, ver espectáculos de monicreques, participar nun taller sobre a arte nos libros ou entreterse cun espectáculo de maxia.

 Ata finais de ano vanse programar un total de 57 sesións de diferentes actividades para fomentar á lectura e animar a que as nenas e nenos visiten as bibliotecas no seu tempo libre. Pódese atopar cumprida información nas distintas bibliotecas municipais ou a través dos centros de ensino público do municipio.

 

back link