Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás Oleiros recibe a visita do alcalde salvadoreño de Ciudad Delgado

 Oleiros, 22 de setembro de 2014-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, recibiu  esta mañá a visita do seu homólogo do municipio salvadoreño de Ciudad Delgado, Tomas Minero. Neste encontro, que durou case dúas horas, estiveron tamén presentes Marga Figueroa Vázquez, concelleira de Participación Cidadá e Cooperación do Concello de Oleiros e Salvador Rivera, responsable da oficina de cooperación internacional do municipio salvadoreño. 

 
Ciudad Delgado é unha urbe situada a 3,5 quilómetros da  cidade de San Salvador e forma parte da área administrativa coñecida como área metropolitana de San Salvador, polo que esta localidade de 120.000 habitantes vive a diario inmersa na vida cotiá da capital do país. O rexedor Tomás Minero visita Oleiros desde hai case unha década dentro das visitas regulares que leva a cabo como representante da administración local centroamericana polo noso país cada certo tempo. Nestes encontros ambos rexedores intercambian impresións e falan sobre posibles liñas de cooperación entre ambas poboacións.
 
 Na entrevista de hoxe co rexedor oleirense, Minero transmitiu ao seu homólogo que os maiores problemas aos que se enfrontan na súa xestión continúan sendo a violencia social relacionada coas bandas xuvenís, a desigualdade e a pobreza. Así mesmo, o alcalde mostrou a súa preocupación polos perigosos corrementos de terra que no inverno tropical afectan ás zonas máis pobres onde os asentamentos poboacionais se atopan en zonas moi escarpadas. Perigo que estudan como frear a través de obras civís efectivas.
 
back link