Oleiros, 28 de febreiro de 2012-. O Concello de Oleiros, a través da Rede Municipal de Bibliotecas, organiza un total de 49 sesións do programa A Hora do conto. Estas actividades de contacontos están dirixidas a nenas e nenos menores de 10 anos e levaranse a cabo en todas as bibliotecas municipais. O obxectivo principal desta iniciativa de carácter lúdico é fomentar a imaxinación e a creatividade. A iniciativa pretende conseguir que os nenos e as nenas se divirtan escoitando contos e deste xeito, consoliden o seu hábito de lectura. Ademais inténtase que descubran a diversidade dos libros e o pracer pola lectura e que vivan o libro en colectividade xunto con outras nenas e nenos.
Así mesmo, preténdese introducir os nenos e as nenas no mundo dos libros a través dunha lectura que poidan comprender e que os faga gozar. A través do universo máxico dos contos desenvólvese a imaxinación, a fantasía e a capacidade de fabulación de quen escoita, polo que se tratará de espertar unha sensibilidade que faga descubrir o pracer que pode proporcionar a lectura, que os nenos e as nenas vexan que tamén se poden divertir e pasar momentos moi agradables cos libros.
As contadoras e contadores Pablísimo, Paula Carballeira, Soledad Felloza, Fran Ínsua, Andrea Bayer, Pedro Brandariz, Inés Cuadrado, Ramiro Neira, Marisa Irimia, Caxoto e a Compañía Trinke-Trinke cos “Ratos da biblioteca” narrarán diversos contos, como unha invitación a viaxar a un tempo máxico de fantasía e imaxinación. Todos os actos terán lugar ás 18.30 horas.