Oleiros, 15 de maio de 2012-. O Concello de Oleiros presta o seu apoio á manifestación en defensa da lingua galega organizada pola plataforma Queremos Galego. Así mesmo, o Goberno local estará representado nesta protesta que terá lugar o próximo xoves 17 de maio a partir das 12.00 horas na Alameda de Santiago de Compostela.
A plataforma Queremos Galego! leva anos convocando a amplos sectores da sociedade galega comprometidos coa lingua, coa súa defensa e co seu futuro. O Concello de Oleiros fai un chamamento público para que os veciños e as veciñas do municipio participen activamente nesta concentración.