Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás Oleiros organiza unha foliada tradicional que reunirá as agrupacións folclóricas

 Oleiros, 1 de xuño de 2015-. O Concello de Oleiros, a través da súa Concellería de Cultura, organiza o vindeiro domingo 7 de xuño unha foliada tradicional. Esta iniciativa, que se levará a cabo no parque do centro cultural As Torres de Santa Cruz a partir das 12.30 horas, pretende ser un punto de encontro das diferentes agrupacións folclóricas existentes no municipio.

O obxectivo principal é fomentar o espírito de convivencia entre elas e que compartan nun ambiente distendido experiencias, inquedanzas e novos proxectos. Durante toda a tarde todas as persoas que o desexen poderán unirse libremente a bailar e a cantar cos grupos. Haberá unha ludoteca con xogos tradicionais. Serán máis de 30 xogos de precisión, de habilidade, de enxeño e de cooperación elaborados artesanalmente a partir de materiais de refugallo e inspirados en xogos tradicionais de épocas e lugares diversos sen necesidade de pilas, plásticos ou luces de neon. Remataremos o día cunha queimada popular.

As agrupacións participantes serán  A.C. O Amanexo de Dexo, Os Rueiriños de Nós, o Grupo de Baile e Gaitas Santaia de Santa Cruz, a Agrupación Artística e Cultural Semente Nova de Perillo, a Agrupación Cultural Dorna de Dorneda, a Agrupación Folclórica Folliñas de Oleiros e Frouma.
 
back link