Oleiros, 12 de decembro de 2011-. O Concello de Oleiros levou a cabo esta mañá unha Xunta de Seguridade Local na que participaron representantes da Garda Civil como o coronel responsable da zona da Coruña e o oficial responsable de posto de Oleiros, o subdelegado do Goberno en Galicia, un representante da Xunta de Galicia e membros do Goberno local, entre os que se atopaban o alcalde, Ángel García Seoane, e a concelleira de Interior e Seguridade Cidadá, María José Varela. A convocatoria desta Xunta de Seguridade Local levouse a cabo debido á alarma social creada a raíz de diversas publicacións en prensa escrita que falaban de «ondas de roubos en Oleiros» e «actuacións de bandas organizadas de países do Este». Ademais estas informacións aducían a apatía por parte da Garda Civil e do Goberno local.
Na reunión, informou o capitán de posto da Garda Civil en Oleiros da situación real no municipio, na súa exposición o oficial constatou un descenso nos índices de infraccións penais e delitos situando a porcentaxe en 21% menos que na media dos últimos nove anos. No que vai de ano, no Concello de Oleiros producíronse unicamente nove roubos con forza (tiróns na rúa ou similares), 3 roubos con violencia ou intimidación, entre os que se atopa o do ximnasio de Montrove en caso de que este se producise en realidade, 3 roubos máis en vivendas e outros tres en negocios de hostalería.
Ademais o capitán de posto informou de que das diversas denuncias por violencia de xénero, roubos ou faltas máis dun 40 por cento foron esclarecidas pola Garda Civil. Respecto ás afirmacións aparecidas en prensa de que dos 43 membros do posto da Garda Civil en Oleiros máis da metade non realizaba patrullas, os responsables deste corpo de seguridade informaron de que isto é completamente falso xa que a totalidade dos axentes realizan servizos deste tipo excepto sete encargados de labores administrativos.
O Concello de Oleiros lamenta esta campaña de difamación á que foi sometido o corpo da Garda Civil en Oleiros e que dana a imaxe do municipio. O Goberno local considera que se algunha persoa ou colectivo ou asociación quere defender os seus intereses non o debe facer a través da difamación nin fomentando o pánico entre a cidadanía, e moito menos nun municipio que como se deduce dos informes da comisión realizada esta mañá rexistra os índices de criminalidade e delincuencia máis baixos dos últimos 9 anos.