Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás Oleiros iniciará mobilizacións para esixir a apertura do centro de día das Galeras

Oleiros, 25 de marzo de 2011-.  O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, sinalou esta mañá que o Goberno local iniciará unha serie de mobilizacións para obrigar a Xunta de Galicia a abrir o centro de día das Galeras, que está terminado e permanece pechado e sen uso desde o pasado mes de agosto. García Seoane desvelou que a Consellería de Traballo e Benestar Social non responde aos escritos remitidos polo Concello o pasado mes de xaneiro. Ademais, o alcalde cualificou de «indignante» a postura que mantén a conselleira de Traballo e Benestar Social, Beatriz Mato, quen se nega a recibir o alcalde e expuxo para a posta en marcha deste centro un convenio unilateral que o Goberno local considera abusivo.

O alcalde recordou que un convenio debe ser acordado por dúas partes e non imposto de forma unilateral. «O convenio debe ser acorde ás directrices marcadas polos estatutos do Consorcio Galego de Benestar Social». Ademais García Seoane sinalou que a Xunta mantén unha «actitude denigrante ante os veciños de Oleiros». «Desde agosto o edificio está terminado e parado, nestes momentos dá pena ver os xardíns abandonados».

Deste xeito, o Goberno local iniciará mobilizacións con campañas informativas que levará a cabo a través dos paneis de información municipal, a través de pancartas e, no caso de non dar os resultados esperados convocarase unha manifestación dos veciños oleirenses en Santiago de Compostela.

back link