Oleiros, 27 de marzo de 2015-. O Concello de Oleiros, dentro do Programa escola coeducativa, destinado á promoción dos valores da Igualdade nos centros educativos, organizará este venres, día 27 ás 19.00 horas no centro cultural A Fábrica, un acto público de recoñecemento ás mulleres protagonistas dos traballos presentados polo alumnado de 5º e 6º de primaria ao concurso. Así mesmo, farase entrega dos premios aos autores e ás autoras dos traballos que obtiveron unha maior puntuación nas valoracións do xurado de As mulleres da miña vila e de Reinventando historias.
Hemeroteca
Dende Outubro 2010
O Concello de Oleiros, co fin de integrar a coeducación na tarefa diaria dos centros educativos, puxo en marcha este programa para Educar en Igualdade, promovendo os seus valores e a igualdade de oportunidades entre os dous sexos. O programa conta con diversas actuacións que se desenvolven ao longo do ano, traballando de forma máis específica datas sinaladas como o 8 de marzo. Entre as actuacións coeducativas previstas para este ano estivo a organización do II concurso As mulleres da miña vila e Reinventando historias.
As mulleres da miña vila é un programa dirixido ao alumnado de 5º e 6º de primaria, onde se lle propuxo ao alumnado que investigase sobre a vida das mulleres do noso Concello e fixesen a súa “historia de vida”. A actividade tivo como finalidade educativa ampliar o seu coñecemento sobre a historia do Concello, dar a coñecer a vida das mulleres como protagonistas da nosa historia máis recente, e facer visibles as desigualdades entre mulleres e homes no ámbito familiar, laboral, social etc.
En total presentáronse 23 historias de vida, que se recollerán nunha edición electrónica que será distribuída entre os centros educativos participantes ademais de seren publicadas na web do Concello. Así mesmo, cos autores e autoras dos traballos finalistas gravouse un audiovisual para a dar a coñecer os traballos realizados ademais de facerlle unha homenaxe ás mulleres protagonistas.
Reinventando historias é un programa coeducativo destinado ao alumnado de 1º e 2º da ESO. Desta volta, 83 rapaces e rapazas reescribiron contos clásicos onde os valores da igualdade son os protagonistas destas novas historias. Cos 32 mellores relatos editarase unha publicación dixital.
Neste acto de portas abertas realizarase un recoñecemento público ás mulleres protagonistas das historias de vida pola súa contribución a favor da familia ou a vida local. Con esta homenaxe preténdese dar a coñecer cal era a situación da muller, na historia máis inmediata, e poñer en valor as actuacións de mulleres que poden ser motivadoras para a sociedade en xeral.