Oleiros, 4 de xullo de 2014-. O Concello de Oleiros elaborou unha guía de lectura para o verán formada por 262 recomendacións de libros, DVD e CD. Esta escolla, titulada Lecturas ao sol, foi realizada polo persoal das bibliotecas municipais e nela poden atoparse publicacións moi diversas. Trátase dunha selección de creacións de autoras e autores galegos, españois e internacionais, para diferentes idades, distintos gustos, intereses e preferencias. Os libros que se recomendan para nenos, nenas e adolescentes figuran clasificados por idades, para as que se considera que son máis axeitados.
Hemeroteca
Dende Outubro 2010
Desde as bibliotecas municipais ofrécese esta guía de lectura cun dobre obxectivo. Por un lado presentar obras de calidade literaria, artística ou científica para animar á súa lectura, audición ou visión e por outro lembrar que un libro, un CD e un DVD son tamén un bo agasallo. Nesta época en que hai máis tempo libre, na que nos deleitamos co sol e o mar, desexamos compartir libros, discos e películas que nos agradaron. Boas historias e bos libros para divertir e emocionar, reflexionar e aprender, mirar e observar, ver e escoitar.
A guía esta formada por un total de 262 referencias que hai nas bibliotecas municipais e que se poden levar en préstamo para as casas. Uns divirten, outros emocionan, fan pensar, provocan a reflexión ou achegan novos coñecementos. Realizáronse dúas publicacións distintas. Unha formada por todas as recomendacións infantís e xuvenís da que se editaron 3.000 exemplares que se repartiron a todo o alumnado de educación infantil) e a todo o de ensinanza primaria dos centros de ensino público deste concello. A outra que é a guía completa, coas recomendacións infantís e xuvenís, pero tamén as de libros, DVD e CD para adultos/as que se está a repartir nas bibliotecas municipais, pero que tamén se vai enviar en formato dixital a todos os socios e socias das bibliotecas que teñan correo electrónico.