No transcurso do paseo costeiro que une Santa Cruz co Parque As Trece Rosas pódense apreciar claramente numerosos e graves desprendementos e ribadas; provocadas polos últimos temporais e fortes choivas, que afectan á estrutura da pasarela de madeira que salva o desnivel desde o paseo de marítimo de Santa Cruz ata o Parque das Trece Rosas; xerando así un grave problema de seguridade para a veciñanza que transita pola contorna.
O Concello reclamará novamente ante Costas o permiso necesario para poder acometer a obra para a posta en seguridade da pasarela de madeira: “O último temporal fixo uns danos tremendos na baía de Santa Cruz, no paseo e tamén na senda que vai desde o paseo ata o Parque das Trece Rosas. É unha senda moi transitada, por centos de persoas a diario. Derrubouse unha parte deste paseo e fixemos unhas modificacións, pero seguimos á espera de que Costas nos dea permiso para facer a obra e que non se derrube máis terreo e non teñamos que cortar o acceso”, manifesta o Alcalde.