Oleiros, 3 de outubro de 2014-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, criticou de novo esta mañá o retraso da Xunta de Galicia á hora de acometer a ampliación da estrada AC-173 no tramo comprendido entre as localidades de Santa Cruz e Mera. Nos pasados días o rexedor transmitiu ao Goberno autonómico a súa preocupación pola falta de seguridade neste trazado e especialmente, pola ausencia de beirarrúas e beiravías no tramo comprendido entre Breixo e Lourido, o que implica un risco enorme para os residentes neste punto do municipio.
Hemeroteca
Dende Outubro 2010
A ausencia dunha resposta por parte da Xunta segue dilatando o inicio dos traballos. Deste modo a Consellería falta ao compromiso adquirido co Concello, a quen transmitiu que levaría a cabo esta necesaria mellora de forma inmediata en canto o executivo local puxera á súa disposición os terreos necesarios para acometer os traballos. O dito trámite foi levado a cabo polo Goberno local o pasado verán, cando traspasou un total de 284 actas de cesión de parcelas anexas á vía.
García Seoane urxe á Consellería a reunirse co Concello para definir como e cando se vai tratar o proxecto. Ademais o rexedor agarda que nesta reunión estean presentes representantes da Deputación provincial para, deste modo, consensuar un único proxecto e coordinar as tres administracións a execución das beiravías, beirarrúas e o novo carril bici que levará a cabo o ente provincial.