Oleiros, 5 de maio de 2014-. O Concello de Oleiros convoca as axudas para os comedores escolares dos centros de educación públicos do municipio xestionados polas AMPA. Poderán optar a estas axudas os alumnos e alumnas matriculados nestes centros durante o presente curso.
Os requisitos para esta convocatoria son estar empadroado no municipio, pertencer a unha familia con unha renda per cápita anual inferior a 7.000 euros. É dicir, que os ingresos totais da familia non excedan este importe ao dividilos entre o número total de membros que a compoñen. Os importes das axudas concedidas dependerán dos ingresos dos beneficiarios. Deste modo, aquelas familias con ingresos de 0 a 2.300 euros recibirán 700 euros, aquelas que estean entre 2.300,01 e 4.600 euros recibirán 380 euros e as que estean entre 4.600,01 e 7.000 euros percibirán 260 euros.
As solicitudes deberán presentarse no Complexo cultural A Fábrica de Perillo. O prazo para optar a estas axudas é de 15 días hábiles desde mañá día 6 de maio.