Oleiros, 9 de febreiro de 2015.- O Concello de Oleiros participará mañá martes en Santiago de Compostela nun encontro coa directora executiva da Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina (UNRWA-España), Raquel Martí. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade do que é membro fundador o noso municipio organiza esta xuntanza na que se explicará a intervención psicosocial coa poboación refuxiada de Gaza. A presentación desenvolverase entre as 10.00 e as 11.00 horas na sede da Federación Galega de Municipios e Provincias.
Hemeroteca
Dende Outubro 2010
Logo da ofensiva militar que se produciu entre o 8 de xullo e o 26 de agosto, a Asemblea do Fondo Galego resolveu doar 10.000 euros á UNRWA para apoiar os equipos de saúde mental que atenden á poboación no contexto posbélico. A doazón destinouse ao proxecto ‘Apoio psicosocial para as vítimas da operación Protective Edge en Gaza’, que forma parte do Plan de Resposta á Emerxencia da franxa. Grazas á colaboración do Fondo Galego, preto de 1.500 persoas beneficiaranse das terapias impartidas por seis terapeutas durante dous meses. Realizaranse distintas actividades, tanto individuais como grupais, nas que se traballa desde o punto de vista da psicoloxía positiva.
Tras os 50 días de ofensiva, 2.254 palestinas e palestinos perderon a vida, incluíndo 538 menores, e máis de 18.000 casas quedaron destruídas. Todo isto danou o tecido social e debilitou os lazos existentes entre comunidades. Arredor de 375.000 nenas e nenos e 60.000 persoas adultas foron identificadas como posibles beneficiarias do programa de apoio psicosocial por múltiples razóns, como a perda de familiares durante os ataques, a destrución do fogar, os elevados niveis de estrés, etc. O obxectivo desta iniciativa é reducir a vulnerabilidade psicolóxica e mellorar a resiliencia para afrontar os efectos adversos que teñan acontecido ou que vaian acontecer.