Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás Oleiros celebra o Entroido dos Maiores o próximo venres día 24

Oleiros, 15 de febreiro de 2012-. O Concello de Oleiros celebrará o Entroido dos Maiores o próximo venres día 24 a partir das 18.00 horas no pavillón  polideportivo Arsenio Iglesias de Santa Cruz. Oleiros organiza esta festa desde hai 18 anos co fin de manter e gozar desta cita tan enraizada na nosa cultura e tradición.  Unha das particularidades desta festa, é a colaboración de forma voluntaria de persoas procedentes do tecido asociativo de Oleiros. Son homes e mulleres que colaboran co Concello na atención ás persoas maiores que participan na festa.

O programa da festa seguirá a ser o mesmo que outros anos, dedicada a todas as persoas que desexen festexar o Entroido e cunha mirada especial aos nosos maiores. Comezará ás 18:00 h e ten previsto rematar sobre as 22:15 h. Ao longo da tarde haberá diversas actividades entre as que se atopan a actuación da orquestra Os Satélites, o concurso de disfraces, con importantes premios, e unha merenda con chocolate quente e churros para as persoas maiores. Tampouco faltará a “actuación sorpresa” que cada ano agardan os veciños e veciñas de Oleiros e protagoniza o alcalde Ángel García Seoane.

Haberá tamén un servizo de autobuses gratuíto que percorrerá todas as localidades desde as 17:45 h para trasladar as persoas que o desexen ata a polideportiva de Santa Cruz. Para facilitar un acceso cómodo a todas as persoas,  o Concello de Oleiros ten previsto un dispositivo especial de tráfico; o acceso á polideportiva vai estar pechado para os vehículos desde a avda. Emilia Pardo Bazán. Así mesmo, haberá aparcamento gratuíto, para a xente que se desprace nos seus vehículos particulares, na rúa Concepción Arenal, no lugar onde se fan as festas de Santa Cruz. Desta forma, todas as persoas asistentes poderán aparcar comodamente e acceder a pé á festa, a escasos cinco minutos do aparcadoiro. As persoas que se trasladen nos autobuses habilitados gratuitamente poderán acceder ata a porta de entrada da polideportiva.

Os accesos á polideportiva serán a pé desde a rúa do Saber, pola entrada principal do colexio Isidro Parga Pondal, ou ben pola entrada principal da polideportiva na rúa Emilia Pardo Bazán.  Realizaremos tamén o tradicional concurso de disfraces no que poderán participar  persoas de dentro e fóra do concello que xa teñan cumpridos os 16 anos. As persoas interesadas en participar poden descargar as bases desde a páxina web www.oleiros.org.

En anos anteriores o Concello de Oleiros enviaba unha carta informativa ás persoas maiores ao seu domicilio. Nesta edición este envío non se vai realizar. Todas as persoas que o desexen poderán acceder á información a través dos carteis que se colocarán nas casas do pobo e outros edificios municipais, na radio municipal, nos paneis informativos electrónicos, na páxina web e no teléfono de atención ao veciño.
 

back link