Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás O vindeiro sábado As Torres acolle a Festa da Lingua

O Concello de Oleiros organiza un ano máis a Festa da Lingua, unha xornada chea de actividade para público familiar. O acto terá lugar o 10 de maio en Santa Cruz, no parque das Torres e no teatro.

Ás 12.00h da mañá comezará a festa co espectáculo de rúa Que viva o galego!, de Migallas Teatro. Unha aventura na que hai que superar varias probas (carreiras, trabalinguas, cancións, saltos...) de xeito cooperativo relacionadas coa lingua galega co fin de atopar a solución a un grave problema: o esmorecemento do galego. Está recomendado para familias con nenas e nenos a partir de 4 anos e é preciso inscribirse para participar,  a través do formulario habilitado.

Ás 16.00 horas comezan os xogos populares nos que poderán participar todos os nenos e nenas que o desexen, sen ser preciso inscribirse previamente. Un gran número de xogos populares encherá o parque para pasar unha tarde distendida e divertida.

Para as crianzas de 0 a 3 anos, haberá unha coidada peza de teatro de bonecos e sensorial,  Meco e sono, de Xarope Tulú e Xiana Arias que terá lugar ás 17.00h e para a que é preciso inscribirse previamente. A súa duración é de 35 minutos.

E xa para finalizar a xornada haberá dous espectáculos para familias con nenas e nenos maiores de 3 anos, ás 18.00h Consertasso na Horta, de Brais das Hortas, un concerto onde a música e o humor se combinan para cantar e rir todas xuntas.  E ás 19.00h Con lingua propia, de Peter Punk, onde o pallaso máis irreverente da escena galega, combinará as máis variadas técnicas circenses con xogos de palabras para poñer a lingua en escena e ao público en acción! Para ningún destes dous espectáculos é preciso inscribirse previamente. 

INSCRICIÓNS

back link