Oleiros, 8 de febreiro de 2021-. O Concello de Oleiros e a Xunta de Galicia teñen asinado un convenio para as escolas infantís do municipio que estipula que o Concello non debe asumir en ningún caso máis do 30% dos gastos de mantemento. A Xunta está a ignorar este acordo entre ambos organismos pretendendo impoñerlle ao Concello unha aportación económica do 30%, engadida aos gastos de mantemento que xa está asumindo o Concello.
Para defender o cumprimento deste convenio, o Concello acudiu aos tribunais para alegar e argumentar que xa se está a aportar o 30% dos gastos de mantemento asumindo a limpeza, a calefacción, a electricidade, o saneamento, o axardinamento, o teléfono, a seguridade e as obras de conservación necesarias dos edificios.
Polo momento non existe sentenza algunha que obrigue ao Concello a duplicar os pagos de mantemento das escolas. A noticia de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimou o recurso do Concello non é correcta. O TSXG só desestimou a suspensión do pago que solicitaba o Concello mentres non se resolveran os pleitos. A última palabra téñena os tribunais coa resolución xudicial, pendente de emitir.