Oleiros, 1 de agosto de 2014-. O Concello de Oleiros manterá aberto o prazo para solicitar axudas a escolarización ata o próximo 12 de agosto. Coa recente publicación da listaxe provisional das solicitudes de apoio á escolarización, ábrese un novo período para completar aquelas solicitudes incompletas, pendentes de documentación, para poder ser valoradas.
As axudas de apoio á escolarización son unha das medidas contra a exclusión social establecidas pola Concellería de Servizos Sociais do Concello de Oleiros, coas que se trata de apoiar a aquelas familias que se atopan nunha situación mais desfavorecida nos gastos extraordinarios que provoca o inicio do curso escolar.
Na convocatoria deste ano para o curso 2014/15 presentáronse 132 solicitudes para un total de 221 menores dos distintos centros educativos que hai no municipio. A exposición pública faise no taboleiro de edictos do Concello de Oleiros e no do Departamento de Servizos Sociais.
Esta documentación é imprescindible para poder valorar a solicitude e poder resolver as axudas. A documentación deberá presentarse no Rexistro Municipal do Concello de Oleiros ou en calquera dos rexistros que establece a lei de procedemento administrativo.