Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás O pleno aproba o texto refundido do Plan xeral

Oleiros, 29 de abril de 2014-. O pleno do Concello de Oleiros celebrado onte aprobou, co voto favorable do Goberno de Alternativa e o do grupo municipal do PSOE, e coa abstención de PP e BNG, o documento de cumprimentación do 11 de marzo de 2009 co que a Xunta de Galicia aprobaba definitiva e parcialmente o PXOM. Con este documento, que modifica o ámbito da pegada sonora imposta por Aviación Civil e AENA, se liberan máis de 2,5 millóns de metros cadrados de solo que no Plan teñen a cualificación de urbano, urbanizable ou zonas protexidas e que afectaban principalmente a parroquia de Liáns e parte de Dorneda. Deste xeito, complétase a aprobación definitiva do Plan xeral en todo o termo municipal.

É de lamentar que desde a aprobación inicial o 11 de marzo de 2009 tivesen que transcorrer cinco anos de xestións por parte do Concello ante os tribunais e as distintas administracións, autonómica e do Estado para demostrar que o que o Concello defendía estaba amparado na legalidade vixente. O documento recolle outros aspectos e corrixe anomalías que xurdiron ao longo deste proceso.

Ademais, na sesión de onte aprobouse o plan parcial que inclúe o campo de golf de Dorneda, outro importante ámbito de desenvolvemento no futuro próximo do municipio. Así mesmo, foron aprobadas outras propostas do grupo de Goberno como a nova ordenanza de obras na vía pública, as actuación incluídas DTC-93 provincial ou as subvencións nominativas concedidas á ONG Solidariedade Galega e a comunidade de Mercedarias Misioneras de Berriz.

Por último, acordouse  a concesión doutra subvención aos tres club de fútbol que desenvolven a súa actividade no municipio en campos de titularidade particular, co obxectivo de que sufraguen os gastos derivados do consumo de auga e luz. Estes clubs son o Marino de Mera, o CF Dorneda e o Atlético San Pedro.
 

back link