Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás O paseo fluvial de Iñás e Nós, premiado por ser un exemplo a imitar para a mobilidade natural

 O itinerario natural que une O Seixal con Iñás, de 4 km que decorren paralelos á N6 mereceu o Premio Ciudades que Caminan 2025 na súa categoría de municipios medianos, ex aequo coa cidade gaditana de Chiclana de la Frontera. Así o comunicou a entidade referente na transformación urbana española, Rede de Cidades que Camiñan, da que forman parte 100 municipios e deputacións entre os que se atopan algunhas das principais cidades do país, como Valencia, Sevilla, Zaragoza, Bilbao, Vitoria-Gasteiz ou As Palmas, por citar algunhas.

O xurado, composto por persoas independentes, valorou “o esforzo de dotar o municipio dunha rede paralela para a mobilidade ciclo peonil mesmo no caso de estradas de ámbito estatal como a NVI, que atravesa o territorio polo sur. A senda de San Pedro é, máis aló dunha aposta paisaxística e de lecer, unha fórmula segura para unir 4 km de percorrido interior coa infraestrutura de sendas costeiras e interiores, vertebrando un territorio disperso de baixa densidade cunha malla ciclopeonil que vai completándose a través de rúas, beiravías e parques”. 

Consideran que a senda é “un modelo senlleiro de desenvolvemento territorial cunha aposta pola mobilidade natural que pode tomarse como exemplo estimulante para municipios de poboamento disperso”. 

Outros aspectos destacados foron “a calidade das solucións construtivas adoptadas, ofrecendo unha imaxe amable e cálida, que, sen ser invasiva, realza a paisaxe”. Esta vocación transmítese, segundo o informe do xurado, “mesmo nas prazas de aparcamentos vinculados á senda (pequenos nodos de intercambio modal), con pavimento permeable. A incorporación de aseos públicos é outro punto para destacar, pois favorecen a accesibilidade universal”.

A entrega do premio realizarase durante o XII Congreso de Ciudades que Caminan, que terá lugar en La Línea de la Concepción entre os días 16 e 18 deste mes de outubro. A Rede convoca anualmente estes premios para as cidades de maior tamaño, as de dimensión mediana e as pequenas. Tamén outorgan premios a unha cidade portuguesa e a unha “Cidade amiga”, entre as que non son membros da Rede.
 

back link