Oleiros, 16 de novembro de 2021-. A Fundación Rogelio Groba presenta o venres ás 20:30 horas no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera O neno Groba e Música. Ramiro Neira dirixe e protagoniza esta obra que mestura teatro e música.
O neno Groba e Música é unha peza teatral na que se fai unha viaxe polas vivencias do compositor e director Rogelio Groba, desde a súa primeira infancia ata a súa volta ao lugar natal transportándonos así a esa Galicia profunda e máxica onde comezou a súa vocación musical, e onde despois de moitos anos, coa súa volta a Ponteareas, volveu atopar a pequena música, xunto con “todos aqueles sons que tanto amaba: o canto dos paxaros, o rumor da auga e do vento... A música da natureza, da súa infancia, nunha pequena aldea do abeiro do máxico monte de San Cibrao”.
As entradas poñeranse á venda a partir das 19:30 horas, a 2,50 euros, ata completar a capacidade permitida da sala. A obra está recomendada para todos os públicos.