Oleiros, 22 de maio de 2017-. O mercado municipal de Perillo participará por segundo ano consecutivo na campaña internacional de promoción dos mercados que se celebra durante a segunda quincena deste mes en todo o mundo. O acto central terá lugar o vindeiro sábado día 27 e contará con sorteos, actuacións musicais e un espectáculo para nenos e nenas.
Ao longo de toda a semana, os praceiros e praceiras entregarán rifas por cada compra para un sorteo de vales de desconto que se celebrará o sábado. Ademais, para ese mesmo día está programada para as 11:30 horas unha actuación da Big Band da Escola Municipal de Música do Concello de Oleiros. Ás 12:15 horas o pallaso Isla Le Trsika fará un trepidante e divertido espectáculo de xogos e malabares por todos os postos.