Oleiros, 30 de outubro de 2013.- Este domingo día 3 de novembro celébrase a XXIV edición da Feira do Mel que organiza todos os meses de novembro o Concello de Oleiros. Esta feira levarase a cabo dentro dunha gran carpa instalada na rúa, xusto diante do mercado municipal de Perillo. As persoas visitantes desta mostra poderán degustar, de balde, pan, queixo e mel que ofrecerán os distintos expositores deste doce produto. Este ano a feira conta con 29 apicultores chegados de toda Galicia. O Concello propón unha feira totalmente consolidada con máis expositores cada ano, esta edición dous novos, nun ambiente festivo e familiar, que ano tras ano consegue unha gran afluencia de público de toda a comarca.
Ao longo do día haberá distintas actuacións musicais. Pola mañá contaremos coa presenza de grupos de baile e gaitas, Semente Nova de Perillo e Rueiriños de Nós, xunto coa Banda da Escola Municipal de Música do Concello de Oleiros. Durante a tarde a organización ofrecerá un magosto e unha queimada popular amenizada pola orquestra Os Trovadores. Contarase coa presenza de artesáns que amosarán os seus oficios tradicionais e animacións infantís para que os máis pequenos se divirtan e fagan actividades entretidas. Haberá unha polbeira para gozar tamén deste produto.