Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás O Goberno municipal reivindica a esperpéntica situación da N-VI cunha simpática actuación de Ma

Oleiros, 10 de febreiro de 2017-. O “presidente” do Goberno, Mariano Rajoy, estivo esta mañá en Oleiros de visita oficial. A máxima autoridade política do Estado chegou a Perillo vestido de toureiro e realizou varios pases entre os coches que transitaban pola N-VI, na zona de Sol y Mar.

Este acto é un máis dos que o Goberno municipal pretende levar a cabo para que o Goberno central aborde canto antes as obras na intersección de Beiramar-Agramar. O proxecto para a creación dun paso subterráneo e unha rotonda en superficie leva paralizado desde o ano 2007. Igualmente, o Concello de Oleiros segue sen saber nada dos dous pasos elevados para peóns que o Ministerio de Fomento ía construír de xeito inmediato entre Perillo e o linde con Cambre.

“Hoxe realizamos unha reivindicación simpática, na que o presidente do Goberno veu a dicirnos que o que lles queda aos veciños desta zona para cruzar a estrada é tourear os coches. Sei que pode amolar a moita xente do Goberno, pero a ver se así, poñéndoos en evidencia un día tras outro, dálles vergoña a situación e abordan estas obras tan importantes para Oleiros e o resto da comarca da Coruña”, comentou o alcalde unha vez finalizado o acto.

García Seoane tamén anunciou que o Concello acaba de asinar un convenio segundo o que os propietarios do solo necesario para realizar as obras da intersección de Sol y Mar entregarano de xeito inmediato e gratuíto á administración. Esta xestión do Goberno municipal permitirá que os 1.241 metros cadrados de solo urbano que se precisaban para abordar esta obra non lle costen nin un só euro ás arcas do Estado.

 

back link