Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás O Goberno municipal aproba no pleno o orzamento do Concello de Oleiros para o 2017

Oleiros, 09 de febreiro de 2016-. O Goberno municipal aprobou no pleno celebrado hoxe o orzamento municipal do Concello de Oleiros para o ano 2017 que ascende a 27.210.125 euros, o que supón un incremento de máis do 4,5% en relación ao do exercicio anterior. O documento xa fora presentado hai semanas ás entidades sociais, culturais, deportivas e educativas do municipio que enviaron numerosas propostas que foron incluídas no documento.

No capítulo de gastos destaca a suba do 14,13% nos investimentos reais. Está previsto destinar 5.327.244 euros durante o 2017 ao mantemento do extenso patrimonio municipal e a garantir o normal funcionamento dos servizos. Contémplase a realización dun importante número de obras coas que se pretenden favorecer o aforro do gasto corrente ou xerar, directa ou indirectamente, novos ingresos a través da reactivación da economía local. Entre outros investimentos, destinaranse 260.596 euros a obras de urbanización en Mera, 400.000 euros a expropiacións varias e o saneamento dos terreos da gasolineira de Santa Cruz, 760.000 euros a construción e mantemento de rúas e beirarrúas, 900.000 euros a pavimentación de rúas e camiños, 80.000 euros a instalación de novas marquesiñas, 255.000 euros a equipamentos informáticos, 344.000 euros a melloras en centros deportivos e 950.421 euros a conservación do patrimonio municipal.

Tamén aumentan os gastos correntes nun 6,67%, debido á aposta do Goberno municipal por reforzar os programas de servizos sociais, culturais e educativos. Os gastos de persoal experimentan un lixeiro incremento do 1,28%. En cambio, redúcense os gastos financeiros, nun 29,14%, e os pasivos financeiros, nun 73,68%, grazas á eficiente e rigorosa xestión económica do Goberno municipal que permitiu realizar no pasado exercicio unha importante amortización de débeda que deixou a cero o endebedamento do Concello de Oleiros.

En canto aos ingresos, os impostos directos seguen a supoñer o 37,08% dos ingresos totais do Concello de Oleiros, as transferencias correntes suman o 33,04% do total e as taxas e prezos públicos o 16,72%.

Con anterioridade á elaboración deste documento, o Goberno municipal dirixiuse por carta aos colectivos de maior entidade do municipio para solicitar as súas propostas de cara a confeccionar o documento. Moitas das suxestións recibidas incluíronse no orzamento que foi aprobado no pleno de hoxe.
 

back link