Oleiros, 16 de marzo de 2018-. Para mañá sábado están convocadas concentracións en toda España para defender o dereito a unha pensión digna. O Goberno municipal sumarase ás mobilizacións e anima a toda a cidadanía da comarca a participar na concentración da Coruña, que terá lugar no Obelisco ás 12:00 horas.
Con esta concentración preténdese deter a perda de poder adquisitivo das pensións e alertar sobre o seu intento de privatización mediante plans de pensións xestionados por bancos e fondos de investimento. “Non é unha manifestación só dos pensionistas, é unha concentración para que acudamos toda a cidadanía que estamos en contra deses miserentos aumentos das pensións. A maior parte das persoas xubiladas cobran 600-700 euros, e xa sen mencionar as pensións que hai de 300 e 400. Por iso mañá debemos estar ás 12.00 h na Coruña para solidarizarnos cos nosos pais, nais, avós, avoas... para dicirlles ao Goberno e aos que están alí arriba no Congreso, a uns e a outros, que se deixen de tanta charla, que se poñan de acordo todos e que suban as pensións. O PP é o culpable desta desfeita pero non ten a maioría, así que todos os deputados teñen posibilidade de actuar”, comentou o alcalde Ángel García Seoane.