Oleiros, 26 de setembro de 2013-. O Concello de Oleiros inaugura mañá a partir das 20.30 horas a exposición do escultor Francisco Escudero, cuxa obra permanecerá exposta ata o próximo 12 de outubro no castelo de Santa Cruz. Ao acto acudirá o propio artista e membros do Goberno local oleirense. A exposición poderá ser visitada de forma gratuíta de luns a venres desde as 10.00 ás 14.00 horas en horario de mañá e de 16.00 a 19.00 horas polas tardes. Ademais os sábados a sala abrirá desde as 11.00 ata as 14.00 horas.
O escultor reúne nesta ocasión unha selección de esculturas e debuxos coa que nos mostra a esencia do seu traballo creativo entre os anos 2002 e 2012.
Poderemos ver a obra realizada en diferentes materiais: bronce, escaiola, mármore, granito, madeira ou poliéster, ademais de fotografías de obra pública e privada de grande formato realizada nesa década, os debuxos están realizados a carbón, sanguina, pastel, lapis e ceras.
Esta exposición posúe unha marcada intención didáctica, e pretende achegar un valor engadido á mostra das esculturas e debuxos de Francisco Escudero, amosándolle ao público aspectos pouco coñecidos do apaixonante oficio do escultor, complementando con conferencias e visitas guiadas á exposición en cada concello.